Un libro á sombra

Rubén Eyré

LUGO

30 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Quen como o Moncho das Casas bota en falta os follateiros até nas ribeiras do mar, ten unha boa maneira de minguar ás intencións do sol queimante de xullo. No mesmo souto do pazo das Casas, pode sentir esa especial e única frescura que baixa polas follas das vellas árbores. Media legua máis arriba, na devesa de Cartelos, érguese a carballeira máis anterga de Europa. Grosos, e longos de terra a ceos, estes «rovres sagrados» constituen un tesouro natural de universalidade e excepción no mundo. Temos que agradecer á familia Taboada (política á parte, refírome ao finado D. José Luís) esta singular herdanza para quen desexe ir vivila.

Ao amparo das robustas pólas desta devesa, rematei o libro Luz de Tebra. Trátase dunha ducia de suxestivos relatos cuxo autor é Ánxel Vázquez de la Cruz, médico de profesión. A obra publicouna Edicións Xerais, ten prólogo de Manuel Rivas e está apadriñada por Eduardo Galeano.

Tan axiña nos mergullamos neses contos aparece o nome do excelente periodista e escritor Xavier Costa Clavell. Nárrase como un merlo, de D. Faustino Rei Romero, lle foxe da gaiola torácica cando lle praticaban unha operación de urxencia en Barcelona. Xavier non morreu ese día. Quizais a súa nobre arte pola vida e o amor a Chantada fixo que aínda voltara á súa terra por uns anos máis. Un tempiño antes da súa morte, lembro que fomos os dous a esa grande Devesa. Levamos libros, chourizos, pan, viño e xamón. Despois de ler e merendar na sombra, con ollos pillabáns, dixo el: oiches, para vivir así é mellor non morrer nunca.