Os Xílgaros de Lugo: unha década festexando a cultura tradicional galega

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Os Xílgaros na presentación do disco na Sala Jagger
Os Xílgaros na presentación do disco na Sala Jagger J.B.

Tralo lanzamento do seu primeiro disco, encaran o verán cunha xira de concertos en Lugo, A Pastoriza, Chantada ou Portomarín

19 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Do que comezou coma un cuarteto de música tradicional para actuar nas festas do San Froilán, aló polo 2013, xermolou un proxecto moito máis ambicioso: Os Xílgaros de Lugo, un grupo e unha asociación de música tradicional galega presidida polo gaiteiro lucense Óscar Pérez. Este músico é un dos impulsores desta iniciativa, xunto con Merche Barreiro e José Luis Saavedra. Dez anos e ducias de actuacións (por toda Galicia e Portugal) despois, seguen traballando para festexar a cultura e a música tradicional galegas.

Hai unhas semanas presentaron o seu primeiro disco, Os Xílgaros de Lugo: A Volta da Festa, na Sala Jagger, e agora encaran o verán cunha xira de concertos por Lugo, Portomarín, Chantada, A Pastoriza...

A idea deste proxecto xurdiu dunha xuntanza entre amigos e tamén movidos por lazos sentimentais. O propio Óscar Pérez comezou a tocar a gaita no 2010, gañando destreza con gran rapidez, por afección, pero tamén como homenaxe ao seu avó, Fermín López Villares, coñecido coma O gaiteiro de Vilares, de Neira de Vilares. Precisamente en memoria do seu avó compuxo varios temas e recuperou outros tradicionais.

Repertorio

De feito, o repertorio do grupo está composto de pezas tradicionais e tamén de grupos referentes que forman parte do folclore galego, coma Os Gaiteiros de Soutelo, Os Campaneiros de Vilagarcía de Arousa, Os Vilaboa (A Pontenova), José Fernández «O ghaiteiro do Piñeiro», Os Modernos de Vilar de Conforto (A Pontenova) e O gaiteiro de Vilares. O proxecto musical inclúe pezas de composición propia e recuperadas, todas de forma autodidacta e de oído, coma Polkmuñeira de Vilares (Óscar Pérez, 2016); Muiñeira de Fermín, recuperada por Óscar Pérez no 2018 do repertorio do gaiteiro de Vilares dos anos 40; Pasodoble de Castelo (Óscar Pérez, 2018), ou Rumba dos Modernos de Vilar de Conforto (A Pontenova), recuperada por César Braña e Óscar Pérez.

Os Xílgaros de Lugo na actuación do Corpus hai unhas semanas
Os Xílgaros de Lugo na actuación do Corpus hai unhas semanas

Na actualidade, o grupo está formado por Genaro López (bombo), César Braña (caixa tradicional), Merche Barreiro (pandeireta), Víctor Enríquez (acordeón), e David García, José Luis Valiño e Óscar Pérez (gaitas). Xuntos actuarán o día 25 nas festas patronais de Santiago de Castelo (Lugo), onde ten o local social o grupo; o 6 de agosto abrirán os Domingos Folclóricos de Portomarín; e o 26 farano no Folión de Carros de Chantada.

Pero a agrupación non centra o seu traballo solo no grupo, senón que tamén organizan festas, clases e obradoiros de música, canto, pandeireta, percusión e gaita, ou a xa clásica foliada-magosto, que este ano cumprirá nove edicións. Segundo explica Pérez, o que move este proxecto é a súa «ilusión e ganas de seguir pasándoo ben coa nosa cultura e música tradicional galega, con único fin de divulgar o tradicional».

A asociación conta con socios desde os 20 aos 72 anos e están abertos a novas incorporacións, mesmo de persoas que anden na procura dun grupo, para o que se pode contactar no correo osxilgarosdelugo@gmail.com ou a través das redes sociais da asociación.